miércoles, 4 de mayo de 2011

O Vídeo Baixo Demanda chega a R #tv_R


Cantas veces non che pasaría aquilo de estar vendo unha peli na tele e que de repente soe e o teléfono e... alá foi a peli. Pois dentro de moi pouco, problemas coma estes serán cousa do pasado.

A operadora galega R vén de presentar esta mañá un novo servizo de valor engadido que os clientes viñan reclamando dende hai moito tempo: o Vídeo Baixo Demanda. Trátase dun novo sistema polo cal os usuarios terán acceso a gran cantidade de contidos dun catálogo ofrecido pola propia operadora así como tamén a emisións pasadas da televisión. Resumindo, podemos elixir que ver e o mellor de todo, cando velo.

Tratemos pois de respostar algunhas cuestións arredor deste servizo.

Que nos imos atopar no Vídeo Baixo Demanda (VOD)?

Pois basicamente teremos acceso a 2 tipos de contidos:
  • Acceso a un catálogo de VOD, no que haberá filmes, preestreos de series... que poderemos ver cando queiramos durante 24 ou 48 horas despois de ter elixido o contido e que permanecerán accesíbeis arredor de 3 meses. En total ofertaranse unhas 450 horas de contido televisivo, nos que destaca a presenza de producións galegas grazas á colaboración con Filmanova e a Televisión de Galicia.
  • RebobinaR, un servizo co que se poderá acceder a contidos xa emitidos por televisión, e que R se encargará de gravar por nós (ideal para despistados, ou?). Estes contidos estarán dispoñíbeis durante unha semana despois da emisión, un total de 850 horas de televisión.
Quen pode disfrutar do Vídeo Baixo Demanda? En que condicións?

Poderán disfrutar deste servizo todos os clientes da televisión dixital multicanle de R sen pagar ningún custo adicional.

E cando vai estar dispoñíbel isto?

Todas estas opcións estarán dispoñíbeis antes do verán. Ademais, cara finais de ano, chegará o ansiado decodificador de alta definición, que será ademais compatíbel co 3D.

Vamos, que con estas opcións non poderás dicir 'é que eu non o vin' :P

No hay comentarios:

Publicar un comentario