Hai uns días tivemos a ocasión de probar no laboratorio de R os novos servizos de televisión nos que están a traballar desde a operadora galega, o Video on Demand puramente dito e Rebobina, un servizo complementario a este e que de seguro que moita xente achará interesante.
Comezaremos falando deste último, Rebobina.
Imaxinade que tedes intención de ver certo programa de televisión ao que estades enganchados e que de camiño a casa colledes tráfico e chegades 25 minutos tarde. Até o de agora as opcións que tiñamos eran 2: pasar de velo comezado ou sentarse a velo desde que chegamos. Imaxinade que, no canto diso, podedes chegar e poñervos a ver o programa desde o comezo e mesmo que o podedes pausar para ir á cociña a buscar a pizza que metíchesdes no forno ao chegar.
Pois esa é a idea de Rebobina, un servizo que estará dispoñíbel gratuitamente para todos os clientes que teñan contratada a televisión con R e grazas ao cal poderase acceder a contidos que R se encargará de gravar por nós desde unha semana cara atrás.
Iso si, non imos ter acceso ao 100% das canles por unha cuestión de permisos, mais desde R nos aseguraron que terían un traballo constante para ir aumentando paulatinamente o número de canles incluídas no servizo Rebobina.
Como dixemos antes, ademais de Rebobina tamén probamos o servizo de
Video on Demand (VoD). Para que non estea familiarizado con este termo, o VoD ou Vídeo Baixo Demanda consiste nun sistema no que o usuario escolle de xeito activo o que quere ver e cando o quere ver.
E que nos imos atopar no servizo de VoD? Pois un completo catálogo de contidos nos que se incluirán filmes, series, documentais, debuxos animados... que se nos ofrecerán nunha visualización na que se inclúen portada/cartel, sipnose, reparto, categorización de públicos, étc.
Ademais, se o contido ofrecido dispón de varios idiomas e subtítulos, poderemos escollelos ao noso gusto, o cal é unha vantaxe para quen guste de ver as cousas en VO ou VOS.
Resumindo, a filosofía do servizo de Video on Demand é que o usuario acenda a televisión e teña o control total do que quere ver nese momento.
No seguinte vídeo (con subtítulos indicando o que imos vendo), podedes ver un percorrido que vai primeiro por Rebobina e logo polo menú de VoD:
Prezos
Como comentamos antes, o servizo Rebobina incluirase sen cotas extra para todos os clientes de televisión R. No caso do VoD, haberá diferentes prezos e diferentes xeitos de facerse cos contidos:
- Contidos gratuítos.
- Contidos de pagamento: unha cantidade por un capítulo dunha serie, por unha peli determinada, por unha tempada dunha serie...
- Suscricións: haberá opción de suscribirse a contidos, por exemplo a "Series", e pagando unha cantidade ao mes poderemos disfrutar dunhas series incluídas, como se fose unha tarifa plana por eses contidos.
Á hora de seleccionar un contido para mercar, de haber varias opcións para collelo ofreceránsenos no momento (por exemplo en contidos que estén accesíbeis á venta por libre ou incluídos nunha suscrición.
Cando?
Confirmáronnos que o servizo de VoD está nas últimas fases de proba, de feixo xa hai clientes que están a probar o servizo, e que en moi pouco tempo (antes de finais de ano ou comezos do que vén) xa se comezará a comercializar.
E a alta definición?O tema da alta definición, unha das cuestións que máis lle reclaman os clientes a R, é outra das prioridades nas que están traballando. De feito será a seguinte novidade que se verá logo do lanzamento comercial da VoD.
Que vos parece a nova televisión R? Lembrade que podedes deixar as vosas opinións nos comentarios ou tamén a través do
Twitter ou
Facebook,