22 xornadas e 166 rondas foron necesarias para rematar a adxudicación do espectro que levou a cabo o Ministerio de Industria e na que participaron un total de 11 operadores de telecomunicacións. En total, recaudáronse 1.647.015.126,63 €, cifra bastante inferior aos 2000 millóns de euros que tiña pensado recaudar o Goberno.
As bandas máis baixas, de 800 e 900 MHz só se podían escoller en ámbito estatal, mentres que na de 2,6 GHz os repartos foron estatais e por rexións.
Deste xeito, Movistar, Vodafone e Orange repartíronse a partes igual a banda de 800 MHz, obtendo cada unha 2 bloques de 2x5 MHz.
Na banda de 900 MHz Movistar fíxose cun bloque de 2x5 MHz, tamén de cobertura estatal, mentres que o outro bloque que saíra a poxa nesta banda ficou deserto.
En canto á banda de 2,6 GHz, nos bloques estatais a disputa gañáronna novamente os 3 operadores máis grandes. Así, Movistar e Orange quedáronse con 2 bloques de 2x10 MHz e Vodafone con 3 de 2x10 MHz.
No que ten a ver cos bloques rexionais de 2x5 MHz todas foron a caer a Vodafone. Sen embargo, os bloques de 2x10 MHz quedaron repartidas do seguinte xeito:
- R: Galicia.
- Telecable: Asturias
- Euskaltel: Euskadi
- Jazztel: Andalucía, Aragón, Illes Balears, Islas Canarias, Castilla y León
- Ono: Cantabria, Catalunya, Comunitat Valenciana, Madrid, Murcia, Navarra, La Rioja, Ceuta, Melilla
- TelecomCLM: Castilla La Mancha
O bloque de Extremadura de 2x10 MHz quedou deserto.
Así, en Galicia R poxou por un total de 1.017.616,22 € (prezo de saída: 594.979,08 €) para facerse cun bloque de 2x10 MHz na banda de 2,6 GHz, mentres que Vodafone gañoulle a batalla no bloque de 2x5 MHz nesa mesma banda, acando os 6.075.448,31 € (prezo de saída: 297.489,54 €).
Ábrese agora un novo escenario na telefonía móbil do Estado, coa chegada de operadores fixos que se fan móbiles completos. Faran unha unión de pequenos para ter o quinto gran operador a nível infraestrutura?
No hay comentarios:
Publicar un comentario