lunes, 9 de mayo de 2011

Probamos os novos servizos avanzados de R (@quecheparece) #mobilR


O pasado xoves achegámonos a unha demostración de R na que tivemos ocasión de probar de primeira man unha gama de servizos avanzados que a operadora galega xa está a comercializar, malia que até o de agora só para o sector empresarial. É o que chaman Despreocupín.

Despreocupín é un conxunto de opcións chamadas a facilitar as comunicacións das empresas a través de varios produtos contratábeis de xeito opcional, que son os seguintes:
  • Multiring
  • Comparte Internet móbilR
  • Fixo en portátil e móbilR
  • Axenda móbilR
Analizémolos pois máis a fondo.

Multiring

Simplificando moito poderíamos dicir que Multiring é un sistema de desvío de chamadas avanzado. Supón un cambio de mentalidade, xa que nos permite elixir en todo momento onde queremos recibir as chamadas, opción que podemos mudar ao noso antollo a través da web da Área de Clientes.

Neste panel privado veremos o fixo e o móbilR que temos ligado ao servizo Multiring e escolleremos entre unha destas opcións:
  • Que ambas liñas soen por separado.
  • Que ambas liñas soen á vez.
  • Que cando chamen ao fixo soe no fixo e no móbil, e cando chamen ao móbil só soe no móbil
Vista do panel
Como imaxinaredes, a primeira das opcións é o funcionamento tradicional de ter un fixo e un móbil. A opción de que 'soen todas á vez' fará que cando recibimos unha chamada soen ambos teléfonos, fixo e móbil, e seremos nós quen colleremos a chamada nun ou noutro segundo nos conveña. Así, se estamos na oficina podemos descolgar no fixo, aforrando batería, estar pendentes da cobertura ou de que se nos quente a orella. E se imos pola rúa... pois xa imaxinaredes que non teríamos acceso á liña fixa.

Non menos importante é a terceira opción. Pode parecer un pouco liosa, pero veredes que non o é. Imaxinade que traballamos nunha oficina con máis xente e que por calquera razón non damos aos nosos clientes o noso móbil persoal. Con esta opción evitaremos perder as chamadas dos clientes ao poder coller dende o móbil pero tamén evitaremos que se un amigo nos chama ao noso móbil persoal para ir de roteiro na fin de semana sexa atendido por calquera que ande pola oficina e teña o fixo a tiro de pedra.

Como vedes existen moitas posibilidades de uso para Multiring. Este servizo é opcional e ten un prezo de 3 €/mes adicional.

Fixo en portátil e móbilR

Hoxe en día temos WiFis en todos os lados (cafetarías, museos, prazas, aeroportos...). En R pensaron que iso supón unha grande vantaxe, se temos en conta que cada vez quedan menos terminais móbiles que non teñen WiFi, e por iso crearon o Fixo en portátil e móbilR.

Grazas a este servizo pódese chamar dende calquera dispositivo con conexión a Internet como se o fixéramos dende o fixo, facendo uso da voIP. Mais as vantaxes non se reducen só a que cando chamemos dende o computador ou móbil saia o noso número de teléfono fixo, senón que ademais a tarificación faise segundo o plan contratado. É dicir, en chamadas a fixos teremos tarifa plana (120 minutos por chamada) e as chamadas a móbiles descontaranse dos minutos incluídos (300 minutos a móbilR, 300 a outros móbiles, exceso a 5 cént/min).

Imaxe do Teléfono PC para Windows
Para Windows dipoñen dun software (Teléfono PC) no que podemos ter configurado o noso teléfono fixo para facer as chamadas e outras opcións, como axenda de contactos, rexistro de chamadas, etc. Para o caso dos móbiles, por exemplo para Android tense que nas últimas versións (2.2 e superiores) xa se inclúe soporte nativo para configurar voIP, alén de que existen varias aplicacións no Android Market. A Apple Store tamén conta con aplicacións para este tipo de opcións, inda que iste servizo non se restrinxe ás plataformas Android/iOS, xa que tamén está dispoñíbel para móbiles Nokia e outros moitos.

Este servizo está pensado para funcionar a través de WiFi. Tamén o fai usando a rede 3G, inda que neste caso non teríamos tan garantida a calidade das chamadas, ademais de que supón un decremento do plan de datos que teñamos contratado.

Imaxinade o aforro que pode chegar a supor, sobre todo se viaxamos ao estranxeiro (pensade por exemplo en Portugal, país co que moitas empresas galegas teñen relacións comerciais).

Comparte Internet móbilR

Isto xa non o probamos porque é algo que puideramos considerar menos innovador. Trátase basicamente de contar con duplicados da SIM (2 €/mes cada tarxeta adicional) para poder compartir unha mesma conexión de datos para varios dispositivos.

Cada vez dispomos de máis gadgets que precisan conectarse (smartphone, pincho usb para o portátil, tablet...). A alternativa a terlles contratado plans de datos diferentes que moitas veces non chegaremos a consumir é ter un único plan con máis datos incluídos e unha tarxeta SIM por dispositivo, sen importar quen consume máis ou menos porque todo vai ao mesmo.

Axenda móbilR

Axenda móbilR é outro dos servizos avanzados incluídos en Despreocupín (que tampouco probamos) que nos permite ter sincronizado o noso correo electrónico, a axenda e os contactos no móbilR e no PC sen ter que preocuparse por nada.

Pódense engadir novos contactos dende o PC e sen ter que facer nada nós terémolos dispoñíbeis no móbilR ou viceversa. E o mesmo para o correo e para os eventos de calendario. No caso de perder o móbil, tampouco nos teremos que preocupar xa que R gardará a copia de seguranza por nós e despois de levar a cabo a sincronización no noso novo terminal, teremos todo como antes.

O seu prezo é de 6 €/mes

Combo oficina Despreocupín

Tamén estivemos a probar o funcionamento de centraliña telefónica de R sobre voIP (Combo oficina Despreocupín). Trátase dunha solución para PEMES de doada e rápida instalación (configúrase en cuestión de minutos) coa cal poderemos ter postos de traballo con terminal telefónico, chamadas entre liñas de balde, xestión de multichamada... vamos, ter toda unha centraliña pero sen que o cliente se teña que preocupar do equipamento e do seu mantemento.

Destaca esta implementación por ser capaz de ofrecer calidade de servizo (QoS), xa que a parte de voz é unha conexión de datos diferente á de acceso a Internet, polo que non interfiren.

Imaxe da centraliña R. No piso superior o terminal principal, un esclavo e o inarámbico de back up. No piso intermedio o cablemodem e un esclavo
Para os que dubiden da seguridade de ter dependencia da rede de datos para o teléfono (que pasa se a a conexión de datos cae?), dicir que R provee dunha liña de back up analóxica, cun teléfono inarámbico, para que a nosa empresa non perda as chamadas. Se ademais se complementa o servizo con Multiring, as posibilidades de quedar incomunicados xa serían ínfimas porque tería que pasar que:
  • Caera a conexión de datos.
  • Caera a liña telefónica analóxica de back up.
  • Caera a rede de móbil.
Inicialmente este tipo de solucións impleméntanse para empresas pequenas, oficinas de 8-12 postos, inda que dende R tamén se levan a cabo solucións do tamaño que se queira estudando os casos particulares (o  chamado CentrexIP).


Impresións

A dicir verdade paréceme que R acertou de pleno con estes novos servizos e creo que facilitan moito as comunicacións das empresas. De todos eles o que máis me gustou foi o de ter o fixo no móbil e/ou portátil, xa que cada vez nos desprazamos máis e existindo solucións tecnolóxicas que nos permiten estar comunicados cos nosos aforrando cartos é absurdo non empregalas e pagar os excesivos costes do roaming, por exemplo.

Doutra banda, Multiring é a ferramenta imprescindíbel para aqueles que teñen que estar todo o día comunicados ou que non se poden permitir o luxo de perder clientes por non estar na oficina.

En canto á posibilidade de compartir Internet móbilR entre todos os dispositivos que se conectan creo que era algo que non podía agardar máis. Vivimos conectados e isto xa non é unha tendencia senón unha realidade. Por iso, había que facer algo que non nos obrigase a ter que contratar máis e máis tarifas de datos que en moitos casos non exprimiremos na súa totalidade.

Persoalmente penso (e vaia suxestión non formal para a xente de R) que estes servizos non se deberan restrinxir a clientes de empresas, xa que estou seguro de que moitos clientes particulares tamén farían uso deles, sobre todo do fixo en portátil/móbilR e xa non digamos da posibilidade de compartir o Internet móbil (de feito o da multiSIM de datos prevese, atendendo a este tweet).

En canto ao servizo Axenda móbilR non teño coñecementos abondo de xestión de axenda, correo e contactos a nível empresarial para poder dicir se é ou non un servizo polo que pagaría. Dende logo, no ámbito dos particulares é algo totalmente prescindíbel xa que esa sincronización témola por exemplo en Android sen configuracións complicadas e sen ter que pagar nada.


Apuntar xa para rematar que o stand coa demostración de Despreocupín vai estar por diferentes tendas de R por todo o país, así que se tedes ocasión, recomendamos que vos acheguedes a comprobar in situ o funcionamento

Ligazóns
Lembrade que seguimos en contacto a través de Twitter e Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario